Diario Oficial de Galicia
xoves, 1 de marzo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
43
Páxina do Dog:
3.063
Data da Disposición:
19 de febreiro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 19 de febreiro de 2007 pola que se convocan subvencións
aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do
cooperativismo.
Orde do 19 de febreiro de 2007 pola
que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de
actividades de promoción do cooperativismo.
A Comunidade
Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en
virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro,
ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de
Galicia.
En
virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de
Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das
sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e
representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería
competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do
movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a
constitución e o desenvolvemento das cooperativas.
A mesma lei prevé, así
mesmo, a participación doutros ámbitos da administración pública, establecendo
que a administración local procurará considerar dentro dos seus plans ou
programas de actuación a promoción e o desenvolvemento das sociedades
cooperativas.
Segundo o disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se fixa
a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, correspóndelle a esta o
exercicio das anteditas competencias e funcións.
Esta consellería, tendo
en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o
desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, a
necesidade de que o labor de divulgación e fomento se realice tamén desde os
ámbitos máis próximos aos cidadáns, así como as sinerxías derivadas da
cooperación entre as distintas administracións, quere estimular a realización de
actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos de
Galicia.
A
través da presente orde regúlase o proceso de selección daquelas iniciativas que
resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito
local, co obxecto de contribuír ao seu financiamento mediante a concesión dunha
subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realizacións das
actividades propostas por parte dos concellos seleccionados. Entre os criterios
de selección, outórgaselle especial importancia á sintonía do proxecto co Plan
Estratéxico para o Desenvolvemento do Cooperativismo. Como novas para o
exercicio 2007 destácase o incremento orzamentario da contía prevista para estas
axudas, que ascende a 300.000 euros, así como o impulso á incorporación de novos
concellos ao labor de promoción, outorgando unha puntuación adicional no caso de
tratarse da primeira ocasión en que acceden á liña de axudas.
A regulación axústase ao
disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, en especial, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia
e publicidade na concesión de axudas públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de
novembro,
polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia.
Por todo o exposto, consultado o Consello Galego
de Cooperativas, o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega
de Municipios e Provincias, e de conformidade coas atribucións que teño
conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta
e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Finalidade
e réxime das subvencións.
1. Esta
orde ten por obxecto a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia
competitiva, destinadas a sufragar parcialmente a realización de actividades de
promoción do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia.
2. A concesión das axudas
previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e
realizarase con cargo á aplicación 16.04.324A 460.0, dos vixentes orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma galega, ata un límite de 300.000
euros.
3. As
solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto no texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21
de novembro, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nesta
orde.
Artigo
2º.-Beneficiarios e contía
1. Poderán
ser beneficiarios os concellos de Galicia que, logo de solicitude, resulten
seleccionados segundo o establecido na presente orde e realicen as devanditas
actividades antes do 30 de novembro de 2007. Nos mesmos termos, igualmente
poderán ser beneficiarias as mancomunidades de concellos de Galicia.
2. Non poderán obter a
condición de beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as entidades que
incorran nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17
de novembro, xeral de subvencións.
3. As actividades obxecto de subvención poderán
consistir en calquera tipo de acción promocional do cooperativismo dirixida ao
ámbito territorial do concello ou concellos solicitantes e a súa área de
influencia. A título de exemplo, poderán consistir na elaboración e publicación
de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos
divulgativos; celebración de feiras, mostras, congresos; organización de cursos,
xornadas, conferencias, seminarios e simposios.
Coidarase especialmente o
enfoque de carácter práctico e eficaz das actividades, así como a súa
imbricación coa realidade do contorno socioeconómico local onde se desenvolven.
Na medida que resulte posible, procurarase a participación das asociacións de
cooperativas representadas no Concello Galego de Cooperativas como xeito de
contribuír á difusión dos valores e potencialidades do
cooperativismo.
4. A contía das subvencións non poderá superar o 80% dos gastos
necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo,
con outros financiamentos, sen que en ningún caso excedan a contía realmente
xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.
Artigo 3º.-Solicitudes,
documentación e prazo.
1. As
solicitudes de subvencións deberán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións
Laborais, e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 do 13 de xaneiro do
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
2. As
solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
* Memoria do proxecto que conteña:
-Identificación do concello ou mancomunidade
solicitante, do seu ámbito de influencia e indicación das actividades de fomento
do cooperativismo que realizou.
-Director ou coordinador do proxecto.
-Descrición das actividades que se pretenden
realizar, especificando a súa finalidade e os destinatarios
previstos.
-Medios, entidades e persoas previstos para a súa realización, con
informe relativo á capacidade profesional dos intervenientes, de ser o
caso.
-Orzamento detallado, cuantificado en todas as súas
epígrafes.
-Cadro de financiamento,
indicando a procedencia dos recursos non achegados pola consellería.
* Certificación expedida
polo secretario da entidade local do acordo polo que se solicita a subvención e
se aceptan as condicións e requisitos establecidos na presente orde, así como de
non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario
sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións.
* Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas e subvencións
efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade ou proxecto das distintas
administracións públicas competentes ou outros entes públicos.
3. O prazo de
presentación de solicitudes remata aos corenta días hábiles, contados desde a
publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo
4º.-Instrución.
As unidades
administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral
de Relacións Laborais, para que o servizo competente comprobe se a solicitude ou
documentación presentada reúne os requisitos exixidos na presente orde e, no
suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de
conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o
interesado para que nun prazo de 10
días emende a falta ou presente os documentos
preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, considerarase desistido
da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos
no artigo 42 da antedita lei.
Artigo 5º.-Avaliación das
solicitudes.
1. A concesión
realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que, unha vez instruídos
os expedientes, pasarán para o seu exame á comisión de avaliación, que realizará
a selección e informará ao órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta ao
conselleiro de Traballo, quen resolverá poñendo fin á vía
administrativa.
2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de
avaliación estará formada polos seguintes membros: a directora xeral de
Relacións Laborais, que actuará como presidenta, a subdirectora xeral de
Cooperativas e Economía Social, tres representantes dos concellos de Galicia
nomeados pola Federación Galega de Municipios e Provincias, un/unha
representante das asociacións de cooperativas; con representación no Consello
Galego de Cooperativas e o xefe do servizo de Cooperativas e Economía Social,
que actuará como secretario.
Esta comisión poderá adoptar validamente os seus
acordos, sempre que asistan a ela a presidenta, ou persoa en que delegue, o
secretario e polo menos a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no
momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún
dos funcionarios que a compoñen non puider asistir, será substituído polo/a
funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral de Relacións
Laborais.
3.
A comisión de avaliación rexerase polo establecido no título II, capítulo II,
artigo 22 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e
do procedemento administrativo común, relativo aos órganos
colexiados.
4. A comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir dos
solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando
en poder da administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa
para unha mellor avaliación das solicitudes.
Artigo 6º.-Criterios de avaliación.
1. A comisión realizará a estimación do número de
beneficiarios e da contía da subvención, sempre tendo en conta as
dispoñibilidades orzamentarias previstas para este fin e os límites fixados na
presente orde, a comisión non terá en conta os proxectos que non se adapten a
estas bases.
2. Como criterios de avaliación teranse en conta as seguintes
características dos proxectos, ordenadas como se indica a seguir:
1º. Pola adecuación aos
obxectivos e liñas de actuación do Plan Estratéxico para Cooperativismo, ata 30
puntos.
2º.
Por tratarse de concellos ou mancomunidades que non resultaron beneficiarios
desta liña de subvencións de actividades de promoción do cooperativismo en anos
anteriores, ata 28 puntos.
3º. Por accións encamiñadas a facilitar a posta
en marcha de proxectos empresariais que dean saída profesional aos desempregados
do ámbito territorial de influencia, mediante a creación de cooperativas ou a
incorporación ás xa existentes, ata 26 puntos.
4º. Por actuacións
dirixidas á posta en valor e aproveitamento sustentable dos recursos locais, a
través de proxectos empresariais cooperativos que agrupen titulares de
explotacións agrarias (agrícolas, gandeiras, forestais e outras), pesqueiras
(pesca, marisqueo, acuicultura e relacionadas), ou doutro tipo de actividades
empresariais e profesionais, ata 24 puntos.
5º. Por actuacións que tendan ao aproveitamento
integral dos recursos humanos e materiais, que no devandito ámbito territorial
teñan como obxectivo o impulso de proxectos empresariais, de promoción do
emprego, de orientación de emprendedores e de actividades de asesoramento e
formación relacionadas con elas, ata 22 puntos.
6º. Por proxectos
innovadores ou que pola súa singularidade acheguen novos enfoques e perspectivas
ao cooperativismo ou á súa promoción, ata 20 puntos.
7º. Pola coordinación das
actuacións entre distintos concellos, así como pola colaboración con sociedades
cooperativas galegas e as súas asociacións, ata 18 puntos.
Artigo 7º.-Resolución e
recursos.
1. A competencia para
coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle ao
conselleiro de Traballo.
2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano
interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente
resolución, que se notificará aos interesados. A realización das actividades
será responsabilidade exclusiva do concello ou mancomunidade solicitante, ben
que a consellería debe estar informada puntualmente e con suficiente
anticipación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o
dereito de recadar a información complementaria que coide oportuna, así como a
comprobación de calquera aspecto relacionado con elas. En todos os soportes,
materiais ou publicacións e calquera medio de divulgación das actividades deberá
constar de xeito destacado a colaboración da Consellería de
Traballo.
3.
O prazo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito
prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a
presentación de solicitudes.
Transcorrido este prazo sen que se ditase
resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co
establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de
adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. As resolucións que se
diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe
interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o
órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá
formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes,
perante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co
disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
5. As
subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e de
conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de
boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa
páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas
concedidas.
Artigo 8º.-Forma de pagamento e xustificación.
1. Unha vez notificada a resolución de concesión
de subvención e previamente ao seu pagamento, o beneficiario terá que facer
constar por escrito a aceptación expresa da subvención concedida.
2. Ao final da
actividade, deberase presentar informe exhaustivo da súa realización, acompañado
de copia de todos os materiais e documentos xerados, así como constancia da súa
repercusión pública. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento
único, pola súa totalidade, a favor dos beneficiarios e logo de acreditación dos
gastos e dos pagamentos realizados. Unicamente se aboará ata o 80% dos gastos
realmente realizados e xustificados, ata o tope máximo da contía inicialmente
concedida como subvención.
3. O pagamento das axudas quedará condicionado á
presentación da documentación xustificativa, para acreditar o cumprimento da
finalidade para que se concedeu a subvención, antes do 15 de novembro de 2007,
nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión.
4. No momento da
xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración
complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto
das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas
administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso,
que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.
5. En ningún caso o
importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de
tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o
beneficiario.
Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas dos beneficiarios das subvencións:
a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera
modificación das condicións tidas en conta para a
concesión da subvención,
así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o
caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade
procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou
internacional.
b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que
efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan,
se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na
lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da
Administración do Estado ou da Unión Europea.
Artigo 10º.-Modificación
da resolución, revogación e reintegro.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das
subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas
por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou
internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e,
eventualmente, á súa revogación.
2. Procederá a revogación das subvencións, así
como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do
xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido
da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do
21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas
da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 11º.-Seguimento e control.
Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas
outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo levará a cabo
funcións de control, avaliación e seguimento.
Para realizar estas
funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar,
en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins
programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas
vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos os beneficiarios deberán
cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde.
Disposicións
adicionais
Primeira.-A Consellería de
Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere
necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas
nesta orde.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a directora xeral de Relacións Laborais para ditar,
no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o
desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día
seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
19 de febreiro de 2007.
Ricardo
Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de
Traballo
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es