Diario Oficial de Galicia
mércores, 28 de febreiro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
42
Páxina do Dog:
2.959
Data da Disposición:
31 de xaneiro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 31 de xaneiro de 2007 pola que se convocan axudas para
participar no programa de integración Aulas da Natureza
2007.
Orde do 31 de xaneiro de 2007 pola que se
convocan axudas para participar no programa de integración Aulas da Natureza
2007.
As aulas da natureza cumpren unha función
importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizar múltiples
actividades de tipo formativo, cultural e deportivo, así como de integración
formal no medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ao
seu, que o leva a propiciar unha maior convivencia e cooperación cos profesores
e compañeiros, ampliando os seus coñecementos e
a súa compresión
integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historia e
recursos.
Así
mesmo, permiten a integración, mediante a convivencia, de alumnos de réxime
xeral e alumnos con necesidades especificas de apoio educativo.
Con base no acordo
subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o
Ministerio de Educación e Ciencia, e co fin de permitirlles aos alumnos galegos
de 6º de educación primaria e 1º de educación secundaria o contacto directo con
outras zonas e culturas de España, esta consellería.
DISPÓN:
1. Obxecto do programa.
A presente convocatoria ten por obxecto promover
a convivencia e integración dos alumnos participantes con outros compañeiros de
distintas zonas e culturas, ademais da integración de alumnos de réxime xeral e
alumnos con necesidades específicas de apoio educativo.
2. Requisitos de
participación.
Poderán solicitar a
súa participación os alumnos matriculados en centros sostidos con fondos
públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes
requisitos:
a) Para os alumnos de réxime xeral: cursar 6º de educación primaria ou
ben 1º de educación secundaria obrigatoria e ter nacido entre o 1 de xaneiro de
1994 e o 31 de decembro de 1996, polo que as súas idades estarán comprendidas
entre os 11 e os 13 anos.
b) Os alumnos con necesidades específicas de
apoio educativo deberán estar escolarizados en centros ordinarios ou
específicos. Así mesmo, deberán posuír un grao de autonomía e condicións
persoais que posibiliten a súa adaptación a programas de integración e a súa
participación en actividades de grupo, polo que, tratándose de minusvalideces
psíquicas, o grao de discapacidade será lixeiro ou moderado, requisito que
deberá ser certificado polo director do centro docente en que o alumno estea
matriculado no curso 2006/2007.
Así mesmo, estes alumnos deberán ter idades
comprendidas entre os 11 e os 13 anos, ben que, de forma excepcional, poderán
participar alumnos de ata 16 anos, sempre que esta circunstancia sexa
aconsellada polo responsable do equipo de orientación específico ou do
departamento de orientación do centro no correspondente anexo III, e se trate de
alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, escolarizados en centros
específicos (non ordinarios).
3. Solicitudes.
3.1. Os alumnos que desexen participar deberán
solicitalo a través do centro educativo en que estean escolarizados, cubrindo o
modelo de instancia que figura como anexo I á presente orde.
Na epígrafe de quenda
solicitada polos alumnos deberá vir cuberto o recadro que proceda cun X, ou ben
por orde de prioridade, segundo sexa o caso 1, 2 ou 3.
3.2. Á solicitude
xuntaráselle a seguinte documentación:
a) Cuestionario individual do alumno, anexo II.
b) No caso de alumnos con necesidade específicas
de apoio educativo deberán achegar ademais:
-Informe técnico do equipo de orientación
específico ou do departamento de orientación do centro, anexo III, no cal se
certificará que o alumno cumpre os requisitos establecidos na alínea 2.b) da
presente orde.
-Certificado de minusvalidez ou ditame vixente de escolarización por
necesidades específicas.
3.3. O prazo de presentación de solicitudes nos
centros será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta
orde no Diario Oficial de Galicia.
3.4. Dentro dos dez días naturais seguintes ao
remate do prazo de presentación de solicitudes de participación, os directores
dos centros remitirán as solicitudes e o resto da documentación ás delegacións
provinciais correspondentes, á atención do coordinador/a do programa en cada
provincia, que a seguir se relacionan:
-A Coruña: inspectora de Educación Berta Estrada
Arias.
Delegación Provincial da
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña.
Salvador de Madariaga,
s/n (Zona Monelos)-15008 A Coruña.
-Lugo: inspectora de Educación. Celsa González García.
Delegación Provincial da Consellería de Educación
e Ordenación Universitaria de Lugo.
Ronda da Muralla, 70-27071 Lugo.
-Ourense: inspector de Educación Delfín Caseiro
Nogueiras.
Delegación Provincial da
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense.
Rúa Concello, 13-32003
Ourense.
-Pontevedra: inspectora de
Educación Adoración de la Fuente Fernández.
Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria de Pontevedra. Avda. de Montero Ríos, 13-36001
Pontevedra.
4. Procedemento de selección.
4.1. En cada provincia constituirase unha comisión de valoración das
solicitudes presentadas que estará presidida polo inspector/a de educación
coordinador do programa e integrada, en calidade de vogais, por:
-Un director dun centro
educativo participante.
Un membro dos
equipos de orientación específicos, designado polo/a delegado/a provincial
correspondente.
-Un pai/nai dun alumno/a solicitante.
Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da delegación
provincial.
Valorarase que as solicitudes estean debidamente cubertas e acheguen a
máxima información posible. A comisión terá en conta os criterios de selección
recollidos no número 5 desta orde.
4.2. Esta comisión de valoración enviará á
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no prazo máximo de 20 días
naturais, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes,
a seguinte documentación:
a) Relacións, por orde de prioridade, de alumnos
de réxime xeral e de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo,
propostos para a súa participación no programa, con indicación da
quenda.
b)
Relación de alumnos excluídos, que incluirá aqueles que presentasen a solicitude
fóra de prazo, así como os que non cumpran os requisitos establecidos na
convocatoria.
4.3. A proposta conxunta será realizada pola Dirección Xeral de
Ordenación e Innovación Educativa, a través dunha comisión constituída para tal
fin e baseada nas propostas das comisións provinciais, tendo en conta que o
número de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo non poderá
superar o 30% do total para cada quenda.
5. Criterios de selección.
5.1.Criterios xerais. Para a selección de todos
os alumnos teranse en conta os seguintes criterios xerais:
a) Situación de orfandade
(dun só proxenitor ou responsable familiar, 5 puntos, ou dos dous proxenitores
ou responsables familiares,10 puntos).
b) Pertenza a familias en que os sustentadores
principais se encontren en situación de desemprego ou sexan pensionistas (un só
sustentador ou responsable familiar, 5 puntos, ou os dous sustentadores ou
responsables familiares, 10 puntos).
c) Pertenza a familias numerosas, ata 10
puntos.
d) Ter a condición de
bolseiro de calquera convocatoria de axudas realizada polas administracións
educativas, ata 10 puntos.
e) Non ter a condición de beneficiario destas
axudas nos últimos dous anos, ata 10 puntos.
f) Outras circunstancias familiares e/ou
económicas que dean lugar a situacións de desprotección para os alumnos e que
poidan ser valorados polos órganos de selección correspondentes, ata 10
puntos.
5.2.
Criterios específicos: valoraranse as características persoais do alumno
derivadas do tipo de escolarización que presenta e, fundamentalmente, as
posibilidades reais de participación no programa de integración. Para valorar
estes aspectos terase en conta a información dos anexos II e III.
A valoración será dun
máximo de 65 puntos.
6.
Desenvolvemento do programa.
6.1. Os
alumnos participantes desenvolverán a súas actividades en períodos de doce días
no centro de programas educativos de Viérnoles en Torrelavega (Cantabria), de
acordo coa seguinte distribución temporal:
1º quenda: do 12 ao 23 de xullo de
2007.
2º quenda: do 23 de xullo ao 3
de agosto de 2007.
3º quenda: do 3 ao
14 de agosto de 2007.
6.2. O lugar de
xuntanza de onde sairá o autobús para Viérnoles (Cantabria), e a onde regresarán
será a estación de autobuses de Lugo.
6.3. O traslado dos alumnos desde o seu domicilio
á estación de autobuses de Lugo e o regreso desde a estación ao domicilio
familiar será por conta da familia.
6.4. A estancia e mais o desprazamento dos
alumnos seleccionados desde a estación de autobuses de Lugo e o regreso ata esta
será gratuíto.
6.5. O programa estará coordinado por un responsable titulado e un número
de monitores especialmente preparados para este programa, coa atención médica
necesaria.
6.6. O centro de
programas educativos de Viérnoles é unha instalación fixa, situada nun contorno
adecuado para os obxectivos do programa e está correctamente dotada.
7. Proposta de alumnos
beneficiarios.
7.1. A proposta dos
alumnos beneficiarios das axudas farase pública a través do Diario Oficial de
Galicia.
7.2.
A Administración educativa enviará ao centro a que pertenzan os alumnos a
relación dos alumnos propostos e a información necesaria para poder participar:
quenda, data, lugar e hora de saída, materiais necesarios para participar,
etc.
7.3. O
prazo máximo para elaborar a proposta será de 3 meses, contado a partir do día
seguinte o da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria. As
solicitudes consideraranse desestimadas de non publicarse a proposta no prazo
sinalado.
8.
Reclamacións.
Contra a proposta de
alumnos seleccionados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
poderase interpoñer reclamación, no prazo máximo de 10 días naturais, segundo o
disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola
Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
9. Resolución definitiva.
Transcorrido o prazo de reclamacións, a
resolución definitiva ditada polo Ministerio de Educación e Ciencia será
publicada no BOE.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación
Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o
desenvolvemento da presente orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
31 de xaneiro de 2007.
Laura Sánchez
Piñón
Conselleira de Educación e
Ordenación Universitaria
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es