Boletín Nº 34. Sábado, 10 de febrero de 2007

- IV. ADMINISTRACIÓN LOCAL - IV.1 PROVINCIAL - DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA - SECCIÓN CULTURA E DEPORTES


ANUNCIO  Pág. 1428  Reg. 1369-x.  

Anterior
Siguiente

Bases da convocatoria de bolsas de investigación para o ano 2007

Convocatoria de bolsas de investigación para o ano 2007.

1.-OBXECTO.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de bolsas para titulados universitarios que pretendan facer un traballo de investigación no período 2007-2008.

Convócanse dezaoito bolsas cunha duración mínima de nove meses, e cunha dotación total de 137.250 euros (7.625 euros, cada unha), con cargo á aplicación presupostaria 0601/321A/48101.

2.-SOLICITANTES.

Poderán participar nesta convocatoria tódolos residentes na provincia da Coruña que pretendan realizar un traballo de investigación, e que reúnan os seguintes requisitos:

2.1.-Posuí-la condición de titulado universitario.

2.2.-Acredita-la residencia na provincia mediante empadroamento en calquera dos seus municipios, cunha antigüidade de, alomenos, un ano a contar dende a data da publicación desta convocatoria.

2.3.-Non ser titular, no momento no que se prouza a adxudicación da bolsa, de ningunha outra bolsa de investigación referida ó mesmo período, ainda que o proxecto para o que posúa a bolsa sexa diferente ó que se refire a súa solicitude.

3.-DOCUMENTACIÓN.

As solicitudes deberán formularse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro Xeral da Deputación, na Sección de Cultura e Deportes e na páxina www.dicoruna.es.

Achegaráse tamén a seguinte documentación:

3.1.-Currículo do solicitante achegado de toda canta documentación considere representativa da súa formación. Se o traballo se vai facer coa colaboración dun equipo, deberá indicar os estudios dos seus membros, así coma as súas actividades profesionais.

3.2.-No caso de que o traballo estea avaliado por un profesor universitario ou por persoa de recoñecido prestixio no campo no que se vai desenvolve-la investigación, certificación expedida pola mencionadapersoa, acreditativa do dito aval.

3.3.-Certificación académica completa.

3.4.-Proxecto de investigación que se ha realizar e centro no que se efectuará, (no caso de que se realizase nun centro).

3.5.-Certificado de empadroamento en calquera municipio da provincia, no que deberá constar de forma expresa a data do seu empadroamento..

3.6.-Fotocopia da última declaración da renda que tivera obriga de presentar ou, se é o caso, declaración xurada de estar exento da mencionada obriga.

3.7.-Escrito autorizando á Deputación para que solicite, no seu nome, á Axencia Tributaria e á Seguridade Social, a acreditación de que o solicitante está ó corrente nas súas obrigas cos citados organismos.

3.8.-Fotocopia da tarxeta do NIF.

3.9.-Certificación de datos bancarios, segundo modelo aprobado pola deputación (este documento deberán presentalo somente os que resulten titulares das bolsas, no momento que se lles comunique a adxudicación delas).

3.10.-A documentación poderase presentar en copias simples tendo en conta que as persoas que resulten titulares e suplentes das becas deberán realizar as compulsas correspondentes.

4.-LUGAR E PRAZO DE SOLICITUDE.

A documentación deberá presentarse no Rexistro Xeral da deputación ata o día 31 de marzo de 2006.

5.-COMPOSICIÓN DO TRIBUNAL.

O tribunal que outorgará as bolsas estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del o deputado presidente da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, e representantes deste organismo e das universidades da provincia, sendo o seu secretario o da Corporación ou persoa en quen delegue.

A composición do tribunal farase pública previamente á súa reunión, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

6.-CONCESIÓN DAS BOLSAS.

O tribunal formulará a proposta de selección dun máximo de dezaoito bolseiros, sendo as súas actuacións secretas.

O órgano competente para dicta-lo acordo de adxudicación é o presidente da deputación.

6.1.-As bolsas concederanse en función da ponderación dos seguintes criterios:

* O interese da investigación e a súa aplicación práctica para o desenvolvemento da provincia: 4 puntos.

* O rigor na formulación do proxecto de investigación, así como as persoas que o avalan e o equipo científico que o apoia: 3 puntos.

* Currículo do solicitante: 3 puntos ,segundo a seguinte distribución:Expediente académico: 2,5.

Outros méritos: 0,5.

O expediente académico valorarase da forma seguinte:

Matrícula: 4

Sobresainte: 3

Notable: 2

Aprobado: 1

Para solicitudes correspondentes a estudios que seguen o sistema de créditos a determinación media realizarase mediante o seguinte cálculo:

Sumatorio de (nota da asignatura x núm. de créditos)
      --------------------------------------------------
                     núm. total de créditos do curso

Exceptúanse as de libre configuración, e a media normalizarase a 2,5 puntos.

O ter sido titular doutra bolsa similar en anteriores convocatorias non exclúe da participación nesta.

6.2.-O tribunal poderá nomea-lo número de suplentes que considere oportuno, establecendo unha orde de prioridade. Estes suplentes accederán ás bolsas unicamente no caso de existir algunha renuncia ou incumprimento das presentes bases por parte dos titulares.

6.3.-A resolución da convocatoria darase a coñecer no taboleiro de anuncios da deputación, e na páxina www.dicoruna.es.

6.4.-Despois da comunicación da resolución da convocatoria, no prazo dun mes a contar dende a data da súa publicación no taboleiro da Deputación, cada titular das bolsas deberá presenta-la súa aceptación, e acreditar que, na data da adxudicación, non incorre en ninguna das causas de incompatibilidade sinaladas no apartado segundo das presentes bases. Se transcorrese o prazo sinalado sen que sexa presentada a acreditacion a que se refire o presente parágrafo, deixarase senefecto a adxudicación da bolsa a aqueles titulares que incumplan o presenta apartado, e adxudicarase a bolsa ós suplente que lles corresponda, que. igualmente, deberán acredita-lo cumprimento dos mesmos requisitos.

6.5.-Coa finalidade de acreditar a realización do proxecto, os bolseiros deberán presentar unha memoria parcial relativa á realización do traballo obxecto da bolsa, así como a memoria final da investigación, ó remate desta. As memorias levarán, ademáis da sinatura do bolseiro, a conformidade do director do traballo, no caso de que este fose dirixido por outra persoa. Os prazos de presentación serán os seguintes:

Memoria parcial: despois de transcorridos seis meses dende o día seguinte ó da notificación da concesión da bolsa, e no prazo máximo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte a aquel no que finalice o período de seis meses arriba sinalado.

A memoria parcial deberá reflectir de forma clara os pasos seguidos ata o momento en que sexa presentada e o estado en que se encontra a investigación iniciada, cun criterio rigoroso e fundamentado

Memoria final: deberá presentarse no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ó da notificación da bolsa.

A memoria final consistirá no propio traballo resultante da investigación obxecto da bolsa concedida e deberá reflectir adecuadamente a consecución do obxectivo fixado no proxecto.

Estes prazos poderán ser prorrogados, previa solicitude razoada do titular da bolsa, dacordo co previsto na lexislación vixente.

7.-PAGAMENTO.-

As bolsas aboaranse en tres prazos, do seguinte xeito:

* 30%: á adxudicación da bolsa, previa presentación de declaración de non ser titular doutra bolsa para o mesmo período (ainda que sexa para outra finalidade).

* 30%: logo de transcorridos seis meses dende a data da comunicación da adxudicación da bolsa, e trala presentación previa da memoria parcial da investigación realizada, avalada polo director do traballo.

* 40%: no prazo dun ano, a contar dende a data da comunicación da adxudicación da bolsa, e trala presentación previa da memoria final da investigación realizada, avalada polo director do traballo.

As memorias presentadas poderán ser valoradas polos membros da área do tribunal á que pertenza o traballoobxecto da bolsa concedida, por instancia da deputación provicial, e no caso de que ésta o considere conveniente.

8.-OBRIGAS DOS BOLSEIROS.

8.1.-Cumprir tódalas normas establecidas nos apartados anteriores.

8.2.-Comenza-lo traballo de investigación obxecto da bolsa, como máximo, no cuarto trimestre de 2007.

8.3.-Realiza-la investigación prevista aténdose á finalidade da bolsa, para o que remitirán as memorias parciais ou finais da investigación que realicen, nos prazos establecidos.

A ausencia de presentación das ditas memorias nos prazos establecidos, sen que medie por parte do interesado solicitude razoada de prórroga, que sexa admitida favorablemente pola deputación, a renuncia á bolsa, ou o incumprimento de calquera das condicións contidas nas presentes bases, terá como efecto a obriga de devolución do importe da bolsa cobrado ata o momento no que se produza o incumprimento, o que se lle engadirán os correspondentes xuros de demora.

9.-PROPIEDADE DOS TRABALLOS.

A propiedade intelectual dos traballos permanecerá en poder dos bolseiros, podendo a deputación reservarse durante doce meses os dereitos de editalos.

Calquera edición posterior que deles se realice fará constar que o traballo foi obxecto de bolsa por parte deste organismo.

Para os casos non previstos nas presentes bases aplicarase o disposto nas bases de execución do presuposto xeral da Deputación da Coruña, aprobado para 2007

A Coruña, 31 de xaneiro de 2007.

O PRESIDENTE,

Salvador Fernández Moreda

O SECRETARIO,

José Luis Almau Supervía

 

Reg. 1369-x