Diario Oficial de Galicia
martes, 6 de febreiro de 2007

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Número do Dog:

26


Páxina do Dog:

1.603


Data da Disposición:

29 de xaneiro de 2007


Sección:

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Organismo:

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 29 de xaneiro de 2007 pola que se regula o Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica.



Orde do 29 de xaneiro de 2007 pola que se regula o Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, crea o Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica.

Mediante a presente orde, que o dota de contido, ponse en funcionamento este rexistro que nace coa finalidade de contribuír á loita contra a fraude neste tipo de vivendas, e de facilitar a xestión e control na venda e adxudicación de vivendas de protección autonómica, garantindo a publicidade, concorrencia e transparencia dos ditos procesos e, así mesmo, coñecer a demanda de vivenda protexida no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e poder axustar a oferta en volume e características, permitindo unha mellor planificación da política de vivenda para poder dar unha resposta eficaz ás necesidades reais dos galegos e das galegas,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. O Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica ten como finalidade facilitar a xestión e o control na adxudicación de vivendas de protección autonómica, garantindo a publicidade, concorrencia e transparencia dos ditos procesos.

2. Deberán inscribirse no rexistro as persoas ou unidades familiares ou convivenciais que desexen optar a unha vivenda de protección autonómica en réxime de compra ou de aluguer, así coma os que desexen optar a aloxamentos protexidos.

3. Este rexistro será único para todo o territorio da comunidade autónoma.
Artigo 2º.-Protección de datos.
1. Os datos contidos no rexistro son os identificativos das persoas que formen parte das unidades familiares ou convivenciais demandantes de vivenda así como os que fan constar na solicitude respecto das características da vivenda demandada.

2. A comunicación ou cesión de datos do Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica a terceiros terá lugar consonte o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

3. O órgano responsable do rexistro é a persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Vivenda e Solo, ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación dos datos persoais. O exercicio do dereito de cancelación dos datos persoais implicará a baixa da unidade familiar ou convivencial do rexistro como solicitante de vivenda.

4. As medidas de seguridade do rexistro son as correspondentes ao nivel alto, de acordo co establecido no Real decreto 994/1999.

Artigo 3º.-Unidade familiar.
Considérase unidade familiar a que así resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar fanse extensivas ás persoas que non estean integradas nunha unidade familiar, así como ás parellas que leven convivindo maritalmente polo menos un ano. Tal circunstancia poderase acreditar por medio da inscrición no rexistro municipal de parellas de feito, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren fillos en común abondará con acreditar a convivencia.

Artigo 4º.-Obriga de inscrición para a adquisición, adxudicación ou arrendamento das vivendas.

Para poder ser adquirente, adxudicatario ou arrendatario dunha vivenda de protección autonómica requirirase estar inscrito no Rexistro de demandantes de vivenda de protección autonómica, así como cumprir os demais requisitos que veñan establecidos pola normativa de aplicación.

Artigo 5º.-Solicitude de inscrición.
1. As solicitudes deberán estar debidamente cubertas segundo o modelo oficial que se anexa á presente orde e xuntarán o documento nacional de identidade de todos os membros da unidade familiar ou convivencial, ou tarxeta de residencia no caso de persoas extranxeiras, así como o libro de familia se algún membro fose menor de 14 anos e non o tivese ou documento equivalente para o caso de estranxeiría.

Na solicitude indicaranse, necesariamente, os seguintes datos:
a) Os concellos nos que se desexe optar á adxudicación de vivenda protexida; poderán sinalar un máximo de catro sen criterio de preferencia entre eles.

b) Se pretende acceder a unha vivenda de protección autonómica en propiedade e/ou aluguer así como o tipo, isto é, de réxime especial, de prezo xeral, prezo concertado e/ou aloxamento protexido. Así como o número de dormitorios da vivenda á que pretende acceder.

c) A composición familiar ou convivencial con indicación, de ser o caso, de posuír o carné de familia numerosa xeral ou especial, se é unha familia monoparental, así como se na unidade familiar ou convivencial existe algunha persoa con mobilidade reducida.

d) Os ingresos da unidade familiar ou convivencial.
e) Indicación da quenda ou quendas a través das cales quere participar nos sorteos: quenda xeral, quenda

de familia numerosa e/ou quenda de discapacitado con mobilidade reducida, sen prexuízo doutras que se poidan establecer.

2. Só se admitirá unha solicitude por unidade familiar ou convivencial, independentemente de que estea composta por unha ou varias persoas. Nos casos en que unha persoa inscrita no rexistro, quer como solicitante quer como membro da unidade familiar ou convivencial, pretenda a súa inscrición posterior mediante outra solicitude en unidade familiar ou convivencial diferente, quedará inscrita no rexistro consonte a última solicitude presentada, circunstancia que será comunicada á unidade familiar ou convivencial inicial.

3. En todas as solicitudes se presumirá como representante da unidade familiar ou convivencial a persoa que figure como primeiro solicitante. Se o solicitante principal deixa de ser membro da unidade familiar ou convivencial manténdose vixente a solicitude, o representante da unidade familiar ou convivencial será o que o siga por orde sempre que sexa capaz e maior de idade. Esta circunstancia notificaráselle á unidade familiar ou convivencial.

Artigo 6º.-Procedemento.
a) A inscrición presencial no Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica farase nas catro delegacións provinciais e en servizos centrais da Consellería de Vivenda e Solo. Para facer este tipo de inscrición será necesario obter telefonicamente a cita previa no número de teléfono que se anuncie na páxina web desta consellería.

A persoa interesada deberá presentarse co modelo de solicitude que se anexa á presente orde debidamente cuberto ou ben coa clave da solicitude cuberta por internet, xunto coa documentación que nel se require e inmediatamente procederase a realizar a súa inscrición no rexistro coa conseguinte expedición da credencial que indique o número identificativo que lle corresponda. A resolución notificaráselle por correo ordinario.

b) Así mesmo, tamén poderá presentarse a solicitude ante os rexistros da consellería e demais lugares permitidos polo artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, isto é:

-Nos rexistros dos órganos administrativos a que se dirixan.
-Nos rexistros de calquera órgano administrativo, que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas, ou á dalgunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se suscribise o oportuno convenio.

-Nas oficinas de correos, na forma que reglamentariamente se estableza.
-Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no extranxeiro.

-En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.
O órgano competente para resolver a inscrición no rexistro é a persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, a cal delega esta competencia no delegado provincial que corresponda por razón do lugar da presentación da solicitude. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, cuxo coñecemento se delega no delegado provincial que ditase a resolución obxecto de recurso, ou directamente recurso contencioso-administrativo.

Artigo 7º.-Actualización de datos.
As persoas solicitantes deberanlle comunicar ao rexistro, do xeito establecido no artigo anterior, calquera modificación dos datos que manifestasen anteriormente, remitindo a documentación que os acredite se for necesaria.

Artigo 8º.-Duración da inscrición e baixa no rexistro.
1. A inscrición no rexistro terá unha vixencia de catro anos desde a expedición da credencial de inscrición na que haberá de figurar expresamente a data de finalización do dito prazo. Se antes da devandita data o solicitante non confirma a súa intención de permanencia no rexistro, darase de baixa a unidade familiar ou convivencial.

2. Darase de baixa no rexistro unha unidade familiar ou convivencial polas seguintes causas:

a) Non renovar a solicitude consonte o establecido no punto anterior.
b) Obter o visado dun contrato de compravenda ou aluguer dunha vivenda de protección autonómica ou aloxamento protexido.

c) Petición da unidade familiar ou convivencial interesada.
d) Sobrevir o suposto previsto no artigo seguinte.
Artigo 9º.-Inhabilitación para acceder ao rexistro.

A sanción imposta ao abeiro da Lei 4/2003, de vivenda de Galicia, consistente na inhabilitación para participar en promocións de vivendas de protección oficial ou declaradas protexidas pola comunidade autónoma, inhabilitará para inscribirse no rexistro ou, se acontece con carácter sobrevido, será causa de baixa nel.

Artigo 10º.-Selección de adxudicatarios.
1. En calquera momento posterior á obtención da declaración provisional de vivendas protexidas e antes de dispoñer delas, o promotor solicitará do Rexistro público de demandantes de vivendas de protección autonómica, mediante escrito dirixido ao delegado desta consellería na provincia que corresponda por razón da localización da promoción, a realización dun sorteo ante notario do que resulten os adxudicatarios provisionais para as súas vivendas.

2. O rexistro atenderá as solicitudes dos promotores segundo a orde de entrada na delegación provincial competente.

3. Para cada promoción de vivendas protexidas realizarase un sorteo ante notario entre aqueles demandantes que tivesen expedida a credencial acreditativa de que solicitan vivendas que coinciden coas características fixadas pola declaración provisional da promoción.

Para o caso de que o número de demandantes inscritos que solicitasen vivendas que coincidan coas características da promoción fose inferior ou igual ao número das vivendas ofertadas, prescindirase do sorteo e serán declarados directamente adxudicatarios provisionais.

No sorteo diferenciarase, de ser o caso, entre quenda xeral, quenda para familias numerosas e quenda para persoas discapacitadas con mobilidade reducida, así como en función do número de dormitorios solicitados polo demandante e o destino da vivenda para compra ou arrendamento, sen prexuízo doutras que se poidan establecer e segundo o tipo de vivendas que se oferten.

Non obstante, sortearase un 200% de adxudicacións máis que quedarán de reserva para o caso de renuncias ou incumprimento de requisitos polos adxudicatarios provisionais. No caso de que aínda así fose insuficiente o número de adxudicatarios provisionais, efectuaríase un novo sorteo respecto das vivendas que quedasen vacantes.

4. A data dos sorteos establecerase por resolución do titular da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda e publicaranse no taboleiro de anuncios da delegación provincial así como na páxina web da consellería.

5. Aos adxudicatarios provisionais requiriráselles a documentación co fin de comprobar que cumpren cos requisitos establecidos pola lexislación aplicable. Os que cumpran cos requisitos acadarán a condición de adxudicatarios definitivos.

Respecto de cada adxudicatario provisional e á vista da documentación presentada, o delegado provincial que corresponda por razón da localización da promoción resolverá o que proceda por delegación da persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo. Contra esta resolución caberá recurso potestativo de reposición que será resolto, por delegación, polo delegado provincial que coñecese da resolución recorrida.

6. Así mesmo, ao promotor comunicaráselle unha listaxe coa identificación dos adxudicatarios definitivos e características das vivendas demandadas, co fin de que subscriba os respectivos contratos. Se un adxudicatario definitivo non asina o correspondente contrato de compravenda ou aluguer co promotor, deberá comunicar, por escrito dirixido ao delegado provincial correspondente, o motivo da non-sinatura del.

As vivendas que resultasen así vacantes e as vivendas destinadas a aluguer respecto das cales se resolvese o contrato, serán asignadas acudindo ao primeiro adxudicatario de reserva da promoción ata esgotar a listaxe, e se non houbese adxudicatarios de reserva serán obxecto dun novo sorteo.

Se a normativa aplicable requirise do visado do contrato conservarase a validez dos documentos presentados para a obtención da consideración de adxudicatario definitivo.

7. No caso de que o adxudicatario provisional desista, renuncie ou non cumpra cos requisitos exixidos pola normativa, deixará o seu posto vacante. Unha vez determinadas as vacantes dunha promoción procederase cos adxudicatarios de reserva do mesmo xeito que cos iniciais. E así sucesivamente ata cubrir todas as vacantes.

No caso de que se produzan vacantes de vivendas destinadas a discapacitados con mobilidade reducida, o promotor poderá propoñer como adxudicatarios provisionais a entidades sen ánimo de lucro que destinen as vivendas a persoas con mobilidade reducida. Se aínda así non atopase demandantes e unha vez transcorridos seis meses desde a declaración definitiva ou resolución equivalente, poderá solicitar, logo de certificación da Dirección Xeral de Acción Social da falta de demanda de vivendas adaptadas, que se designe adxudicatario provisional ao primeiro da listaxe de reserva de quenda xeral e, de non habelo, que se realice un novo sorteo entre os demandantes de vivendas non reservadas a persoas con mobilidade reducida.

8. Desde que o demandante de vivendas ten a condición de adxudicatario provisional quedará inhabilitado para participar no sorteo doutra promoción ata que sexa tido por desistido ou renuncie, momento no cal se levantará a inhabilitación, ou ata que obteña o visado do contrato, momento en que causará baixa automática do rexistro.

No caso de que para unha mesma promoción se requirise un novo sorteo, quen fose chamado como adxudicatario provisional e non asinase o contrato non poderá participar neste novo sorteo, a menos que modificase os datos da inscrición desde o seu chamamento.

Artigo 11º.-Excepcións á obriga de inscrición no rexistro.
Non se exixirá a inscrición no rexistro nin se aplicará, polo tanto, o réxime de adxudicación arriba descrito nos casos seguintes:

a) Ás persoas que individualmente promovan a construción de vivendas de protección autonómica para uso propio, que non estean agrupados en cooperativas ou comunidades de propietarios.

b) Ás persoas que permuten solo por vivenda sempre que cumpran cos requisitos de cualificación das vivendas.

c) Ás cooperativas ou comunidades de propietarios que promovan vivendas de protección autonómica. Non obstante, cando estas, acreditando o mínimo de socios requirido, non acaden o 100% deberán acudir ao rexistro e solicitar un sorteo para completar a totalidade dos socios.

d) Ás organizacións sindicais cando sexan promotores de vivendas, salvo que teñan vivendas vacantes, suposto no cal deberán solicitar un sorteo do rexistro.

e) Aos adquirentes de vivendas usadas.
f) Ás entidades sen ánimo de lucro.
g) Aos que accedan a unha vivenda protexida como consecuencia de realoxos motivados por expedientes de expropiación e de procesos de rehabilitación pública.

Disposición transitoria
Primeira.-Respecto das promocións de vivendas que conten con declaración provisional concedida con anterioridade á entrada en vigor desta orde, respectaranse os contratos que xa teñan visados. Para o resto das vivendas deberán solicitar o sorteo en todo caso unha vez trancorrida a moratio legis.

Segunda.-Permitirase o visado de contratos con aqueles que resultasen adxudicatarios dun sorteo público realizado, antes da entrada en vigor desta orde, por parte dalgunha entidade pública.

Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non se visará ningún contrato, nin se autorizará a cualificación provisional para o caso de cooperativas, que non cumpran cos requisitos fixados nesta orde e se presenten unha vez transcorridos seis meses desde a entrada en vigor dela.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2007.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
E XUSTIZA



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es